Grupo de Inmunoloxía e Xenómica
Obxectivos
A nosa investigación ten por obxectivo incrementar o coñecemento sobre transcriptómica e proteómica da resposta inmune de peixes e moluscos fronte a patóxenos. Ademais tentamos identificar xenes que se poidan empregar como marcadores en programas de selección xenética e mellorar a resposta inmune mediante o uso de inmunoestimulantes e vacinas.
Con este fin, estudamos a resposta inmune innata: actividade e variabilidade de péptidos antimicrobianos (AMPs) e citoquinas, estudo da inflamación, actividades antivirais e antibacterianas etc. Para iso empregamos técnicas de inmunoloxía, microbioloxía, bioloxía molecular (secuenciación de nova xeración, estudos de transcriptómica mediante microarrays, bloqueo da expresión de xenes etc.) e bioquímica de proteínas. Tamén empregamos o peixe cebra como modelo en determinadas enfermidades tanto de peixes cultivados como de humanos (choque séptico, enfermidades inflamatorias etc.)
O Laboratorio Nacional de Referencia de enfermidades de moluscos bivalvos (LNREMB), acreditado no ano 2011 coa norma ISO 17025 para diversas técnicas de diagnóstico de patóxenos de moluscos que depende do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), desenvolve as súas tarefas dentro deste grupo de investigación. O Dr. Antonio Figueras (director) xunto coa Dra. Raquel Aranguren e a Sra. Begoña Villaverde son o persoal do Laboratorio.
Liñas de Investigación
As liñas fundamentais de investigación son:
- Bases moleculares do sistema inmune innato de peixes e interacción cos axentes patóxenos.
Levamos a cabo un importante esforzo en secuenciacións masivas, microarrays e incluso a secuenciación de dous xenomas completos (rodaballo e mexillón). Os resultados destas investigacións abriron moitas posibilidades de investigación sobre todo en canto a como se produce a regulación da resposta inmune fronte a patóxenos. Confirmaremos o papel de xenes que identificamos como algúns inducidos por interferón, ou mediadores lipídicos e estudaremos o seu posible uso ante unha infección en peixes como inmunomoduladores ou adxuvantes de vacinas e, ademais, o seu uso como posibles marcadores asociados coa resistencia que se poidan empregar en procesos de selección.
Para elo, unha das ferramentas que continuará sendo básica na nosa investigación será o peixe cebra. Contamos co seu xenoma completo, coa posibilidade de bloquear xenes con morfolinos e con cepas de peixes transxénicos con células fluorescentes (neutrófilos, macrófagos, células endoteliais) ou que expresan diversas moléculas fluorescentes (IL-1, IFN1) e permiten por tanto visualizar a súa expresión in vivo. O noso obxectivo é estudar a inflamación crónica asociada a obesidade (importante no campo da acuicultura e tamén no biomédico), os procesos que teñen lugar despois da infección (interacción con compoñentes e células do sistema inmune) ou a relación entre a resposta innata antiviral coa resposta adaptativa (moi importante para procesos de vacinación). Tamén, coa axuda de mutantes Rag1-/- (con so resposta inmune innata xa que non teñen linfocitos B e T) pretendemos estudar a importancia da resposta innata en procesos infectivos.
- O sistema inmune de moluscos bivalvos e o seu potencial biotecnolóxico.
Ademais do noso traballo no LNREMB colaborando na coordinación das tarefas que alí se desenvolven no campo do diagnóstico de enfermidades de patóxenos de moluscos (ostra, mexillón, berberecho, ameixa etc.), é evidente que se necesita afondar nas bases da resistencia ás enfermidades que teñen estes animais para poder afrontar a loita fronte ás mesmas. Estamos establecendo acordos e consorcios xa non so dentro da Unión Europea senón a nivel internacional para actuar de forma coordinada neste campo. Estamos a terminar a secuencia do xenoma do mexillón, xa que é un dos recursos acuícolas mais importantes para Galicia e para España e probablemente o xenoma sexa unha fonte de información moi relevante para investigadores de moitos ámbitos. No noso caso, serao para xenes do sistema inmune e en concreto será moi valioso para continuar co estudo dos AMPs. Comprobamos que péptidos sintéticos da miticina C de mexillón teñen un potente efecto inhibidor fronte ao herpesvirus da ostra que acabo practicamente coa industria ostrícola francesa e doutros países. O seu potencial abarca incluso inhibición da replicación do virus de peixes (tal como describimos), e recentemente confirmamos a súa actividade fronte a virus humanos. O potencial biotecnolóxico por tanto dos xenes destes animais está aínda por descubrir.
Contacta
Beatriz Nóvoa García
Telf.: +34 986 231930 Ext. 286
Alejandro Romero Jódar
Telf.: +34 986 231930 Ext. 287